Coruña vista aerea

26 dic. 2008

A xustiza pola man.

Aqués que tén fama de honrados na vila,
roubáronme tanta brancura que eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en donde eu vivira;
sin lar, sin abrigo, moréi nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos…, ¡meus anxos…!, que tanto eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedéi deshonrada, mucharonme a vida,
fixéronme un leito de toxos e silvas;
y en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.
-¡Salvádeme, ou, xueces!- berréi…¡Tolería!
De min se mofaron, vendéume a xusticia.
-Bon Dios, axudaime- berréi, berréi inda…
Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.
Entonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño… ¡Ne as herbas sentían!
I a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.
Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe, ¡dun soio!, deixéinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.
I estonces…, estonces cumpréuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man que os ferira.



Rosalía de Castro