Coruña vista aerea

29 sept. 2008

DESCOBERTA DE TERRA

A terra estaba virxe e nós, os nenos,
lle íamos pondo nomes, a brincare.
A cousa máis cativa tiña un nome
da nosa fantasía:
unha peneda, un albre, un regatiño
que polo vran ficaba todo enxoito
—coa pel de areas sóio, a escintilare—;
un cómaro, un recanto do vieiro,
o cancil dun valado... Nomes ledos,
nomes de cousas que non tiñan nome.

"A Pena do Coello", "O Albre Rachado",
"As Roíñas de Dona Mariquita",
"O Castelo dos Corvos"... ¡Tolerías
de nenos ceibes baixo o sol dourado!
Eran nomes urxentes, de cazata
ou descoberta, coma aquiles outros
que traguían os libros. ¡Qué fermosa
xeografía, sóio de nós sabida!


E logo aquil reparto
da terra, atal que os bos conquistadores.
Cadaquén tiña un soto, unha valgada,
un casal encostado nun outeiro,
un pazo, coa facenda toda súa...

Eran nosas provincias, pra mandare
nos paxaros que nelas apousaban,
nas fontes e nos regos.
Ninguén poido xamáis tirarnos isa
posesión ideal da nosa terra.

Inda agora eu son dono vinculeiro
do meu carballo torto,
aló na carballeira de Sovilas
e dunha pena chaira,
que soaba a tesouros escondidos,
a soño tolo de rapaz sin sono,
cando o meu corazón petaba nela...




Escrito por Xosé María Álvarez Blázquez

No hay comentarios: