Coruña vista aerea

29 sept. 2008

ELEXÍA A UNHA MULLER DO CAMPO

Pepa de Cascallar, eu ben quixera
agora que xa estás —cinza na cinza—
a descansar pra sempre, dar ao mundo
razón cabal de tí.
Lle falaría
daquelas duras mans, rexas gadoupas
pra termar do legón e da manceira,
mans de escrava da terra,
non afeitas a máis regalo e mimo
que o dos ubres da vaca... Eu loubaría
aquiles pés ispidos, mouros, fortes,
coma poutas de boi, que agatuhaban
polos montes atal que dous teixugos.
¡Teus pés de ferro, ai Pepa!

E logo, si tivese a gracia que me falla,
eu faría un retrato verdadeiro
da túa face —¡que che estóu lembrando
ao craro sol do meu ollar de neno!—

¡Qué estrana face a túa, tan laida e tan
[amiga,
enrugada i escura coma codia de broa!
Aquila face dos olliños pitos,
dos beizos murchos, dos cabelos raros,
dos catro dentes e do narís torto.
Aquila face, ¡ai, Pepa!
que á nosa nai lle daba cuasi espanto
e a nós, os nenos, nos aloumiñaba...

Porque eras tí, quero que agora o saibas,
agora que xa podes escoitarme,
a fala cariñenta do misterio
que enchía os nosos corazóns inxeles.
Cando, á noitiña, viñas tí co leite,
oubeada de cans polos camiños,
xa o sono que nos tiña derrubados
fuxía, coma o fume do fumeiro.
E tí falabas...
Ben escoito aínda
o parolar aquil, tan sospirado,
que a nosa nai seguía brandamente
co asentimento da fermosa testa.
—¡ Ai, señora, parécelle unha historia!
Non se pode creer...
Pero sabías
que todo acreditábamos os nenos...

¡Pepa de Cascallar, eu ben quixera
pagarche, ao cabo de tan longo tempo,
o falar cantareiro que aínda sinto
cando, ás veces, a vida se me fende,
sin eu pensalo, por mitá do peito!
Escrito por Xosé María Álvarez Blázquez

No hay comentarios: